Monday 16 de September de 2024

A Fundación Bofill visita bibliotecas escolares galegas para exportar a Cataluña o modelo de éxito da Xunta


— Unha expedición desta entidade reuniuse con técnicos da Asesoría de Bibliotecas da Consellería de Educación para coñecer polo miúdo as accións neste ámbito

— Desprazáronse ata os colexios CEE Manuel López Navalón (Santiago) e CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e ao Instituto de Brión para ver os seus recursos

— Tamén visitaron o Centro de Innovación Educativa e Dixital e o Centro de Formación e Recursos da Coruña

A Fundación Bofill visitou esta semana Galicia para coñecer de primeira man as bibliotecas escolares da nosa Comunidade. O obxectivo desta entidade é exportar o modelo de éxito da Xunta neste ámbito a Cataluña a través dun novo proxecto, Biblio [tech], que están a impulsar. Xunto a eles, e como membros da expedición, viaxaron representantes da Universidade Politécnica de Cataluña e de outras entidades relacionadas co ámbito educativos como Escuela 21, GAIA e Vull Aprendre.
Os membros expedición reuníronse con técnicos da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para estudar polo miúdo os diferentes programas que se desenvolven neste ámbito, que a Fundación Bofill considera como referentes no eido da innovación, creatividade e cultura dixital. Así mesmo visitaron o Centro de Formación e Recursos da Coruña e o Centro de innovación Educativa e Dixital, onde foron recibidos pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández.

Para coñecer in situ o modelo, a expedición desprazouse ata as bibliotecas escolares do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago), do Colexio CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e do Instituto IES de Brión. Nelas puideron asistir en directo ao funcionamento de iniciativas como Radio na Biblio ou comprobar a transformación dos espazos realizada ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que chega a preto do 80% dos centros públicos galegos.

Referente a nivel estatal
As bibliotecas escolares galegas son un referente a nivel estatal, con puntuacións superiores á media estatal (en torno a un 20%) na meirande parte das dimensións contempladas no informe estatístico Bibliotecas Escolares en España que cada catro anos realiza o Goberno Central, destacando en ítems como a calidade dos espazos de aprendizaxe, as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou a formación en diversidade e igualdade.

Froito dos programas desenvolvidos nestes espazos, o alumnado galego rexistrou o terceiro posto de España en competencia lectora no último informe PISA, con 494 puntos, 17 puntos por riba da media española (477 puntos) e por riba das medias da OCDE (487) e da Unión Europea (489).

O obxectivo da visita da Fundación Bofill é aprender dos diferentes programas desenvolvidos nas bibliotecas escolares galegas, especialmente en relación coa cultura dixital e o papel destes espazos como laboratorios de aprendizaxe multimedia e interdisciplinarias e aplicar este modelo no seu proxecto.

Biblio [tech], enmarcado na estratexia de Equidade Dixital da entidade, é un proxecto piloto para transformar 16 bibliotecas escolares en clave de cultura dixital, multi-alfabetización e equidade. O proxecto quere ser un punto de inflexión nas políticas públicas, para que las bibliotecas escolares estean no centro da transformación educativa, o fomento do hábito lector e a xustiza social.